A directora da Amtega, Mar Pereira, inaugurará #SilverBullet17

Mar Pereira, directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, inaugurará o vindeiro 11 de maio na Cidade da Cultura #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos Software, organizado polo CPETIG e a Amtega e patrocinado por  Bahía Software, Balidea, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.

#SilverBullet17 vai reunir a oferta e a demanda do sector nun espazo de encontro para propiciar o intercambio de información, favorecendo a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.

Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.

A asistencia a #SilverBullet17 será gratuita para colexiados/as e precolexiados/as do CPETIG, no marco da conmemoración do X aniversario do colexio.