Aberto prazo de inscrición para #SilverBullet18

Xa está aberto o prazo de inscrición para #SilverBullet18, que pode formalizarse a través desta páxina web. Este II Congreso de Dirección de Proxectos Software terá lugar o 27 de setembro na Cidade da Cultura, organizado polo CPETIG e a Amtega.

Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual.

Abrirá a sesión Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management, publicado en 2017. O segundo relatorio será presentado por Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e entornos colaborativos. Despois del, tomará a palabra Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017. E para poñer fin ao panel de relatorios, intervirá Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México).

Os contidos completaranse cunha mesa de debate, moderada por Berta Candendo, licenciada en Informática e responsable Content Factory en Netex Learning, para rematar cunha comida networking que porá fin ao II Congreso de Dirección de Proxectos.

#SilverBullet18 está concibido como un foro de discusión e debate aberto a empresas, profesionais vinculados á dirección e xestión de proxectos de software, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área. Amais de amosar as últimas tendencias metodolóxicas no eido da dirección de proxectos, favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.