Bahía Software patrocina o relatorio de José Luis Iparraguire: “A PMO, o inimigo na casa?”

A empresa de consultoría tecnolóxica Bahía Software http://bahiasoftware.es colabora en #SilverBullet17 como patrocinadora do relatorio que ofrecerá José Luis Iparraguirre, titulado “A  PMO, o inimigo na casa?”.

Iparraguirre, director de IAL Software Engineering, fará un percorrido no seu relatorio polos centos de PMO (Project Management Office) que tivo oportunidade de coñecer en empresas de todo o mundo ao longo da súa intensa traxectoria profesional. O relator desvelará as luces e as sombras que atopou nelas e os atributos que debe ter unha PMO para o éxito dun proxecto.

Con máis de 30 anos de experiencia no sector TI, a actividade de José Luis Iparraguirre xira en torno ao uso do Modelo CMMI como paradigma para a mellora da competitividade das empresas. É High Maturity Lead Appraiser e Instrutor do Modelo CMMI, realizando máis dun cento de diagnósticos en empresas por todo o mundo, en países como España, Xapón, Nova Zelandia, Australia, Estados Unidos, México, Perú, Colombia, Chile, Arxentina, Uruguai, Costa Rica, Panamá, Venezuela, Canadá, Suíza, Italia, Reino Unido, Sudáfrica, Israel, Ucraína, Rusia, Hungría, Polonia ou Rumania.

Colaborou na avaliación tecnolóxica de programas internacionais sobre robótica avanzada e mecatrónica e conta cunha ampla carreira no desenvolvemento de sistemas de control avanzado para o seu uso en sectores críticos, en Dinamarca e España.