Todo sobre comunicación e liderado na sesión de tarde de #SilverBullet17

Despois dunha mañá que estará centrada en aspectos técnicos e metodolóxicos da xestión de proxectos, a sesión de tarde de #SilverBullet17 porá o foco en factores transversais inherentes ao éxito de calquera proxecto, como a comunicación e o liderado.

Cunha longa traxectoria como cumunicador e colaborador en medios de comunicación, Javier Cebreiros intervirá ás 15.30h co relatorio “A motivación está sobrevalorada”. Entre as súas credenciais, destaca ser socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC, blogueiro do Huffington Post, guionista de Yo, mono de TVE2  e autor do libro Olvida tu lenguaje corporal. Imparte formación para falar en público, así como cursos, talleres e conferencias en diversas organizacións, entre as que destacan os TEDxTalk de España e México.

Tras él, tomará a palabra Jaume Gurt, cun suxerente relatorio titulado “Novo liderado para non morrer no cambio”. Avalado polos seus éxitos como director comercial de InfoJobs, en 2010 foi nomeado director xeral da compañía, introducindo a cultura baseada na felicidade, a alegría e o desenvolvemento das persoas, como claves para imaxinar novos produtos, establecer novas relacións cos clientes e provedores e mellorar a eficiencia. Agora é director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain.

#SilverBullet17 está patrocinado por Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.